Este mes reunímonos para parolar arredor desta marabilla, creada por Bea Lema, que levou o Premio do Xurado do Festival BD en Périgord.
Este libro ten a súa orixe na novela gráfica “O Corpo de Cristo“, polo cal a autora recibiu o XII Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña.
En 2022, realizou unha residencia artística na Maison des auteurs de Angoulême (Francia), e dalí naceu “Des maux à dire” (en francés) e “El Cuerpo de Cristo” (en español).
Tivemos a sorte de que a autora nos adicase un dos exemplares do Club de Lectura.
Se queres botarlle un ollo ao libro, só tedes que clicar aquí.
E para saber se hai algún dispoñible para levar emprestado, consulta na ligazón ao noso catálogo.
O libro emprega debuxos e bordados de estilo “naif” para achegarnos a unha historia nada inocente sobre saúde mental, superstición e abusos, que non vos vai deixar indiferentes
Cando Vera era nena, un demo roldaba a súa casa e acosaba á súa nai, martelándolle os nervios ata prostrala en cama durante días. Entre as sesións de exorcismo coa meiga e as citas co psiquiatra, ano tras ano, a superstición esvaécese para deixar paso ao diagnóstico. Pero, a pesar dos malos tratos, a enfermidade e as excentricidades, o amor dunha nai e a súa filla é máis forte que calquera outra cousa, sobrevivindo ao paso do tempo e ás tormentas. El Cuerpo de Cristo é a declaración de amor dunha filla á súa nai, á que ten que coidar sendo demasiado nova, pero tamén é o retrato tráxico e universal dunha muller encerrada no seu papel de filla, nai e esposa nunha España patriarcal, pobre e católica.